A LAREIRA E A HABITACIÓN.

A cociña é a dependencia central da casa-vivenda. Na zona de Quiroga, como no resto das zonas montañosas orientais, ía emprazada no andar superior.
A función que desempeña a cociña é variada, pois ao ser o centro do fogar, nela xira todo o vivir da familia na meirande parte do tempo que permanecen na casa: lugar onde se cociña e se come, se receben visitas, fanse tertulias, gárdanse as provisións, procúrase o calor do lume, renóvanse os contos tradicionais das aldeas…
A moblaxe da cociña depende do número de habitantes e da capacidade económica do núcleo familiar. O seu artífice é o propio usuario dela ou o artesán, que de cando en vez, traballa no seu obradoiro caseiro, utilizando unha tecnoloxía instrumental moi rudimentarias.
As pezas máis importantes son os asentos, que van situados arredor da lareira, presididos polo escano, con capacidade para varias persoas e reservado para os maiores. Bancos, mesas, cadeiras, armario con alzadeira, chineiro, arcón, artesa, murillo, almofía, trespés, louza… completan o mobiliario da maioría das casas tradicionais desta zona.
As dependencia de durmir, xunto coa evolución da casa-vivenda, pasaron de estar nunha única estancia, que compartían persoas e animais, á compartimentación dos espazos na cociña cociña, cortes e cuartos de durmir e, moitas veces, unha sala.
Nos cuartos estaban as camas que tamén foron sufrindo a súa evolución: pasouse da primitiva de palla ou folla seca sobre polas, ata xergóns cheos de palla ou follatos das espigas de millo, ata chegar á cama con cabeceira e pés.
Como complementos da cama na habitación: a mesiña de noite, coa parte baixa para poñer o ouriñal, o roupeiro ou armario, o berce (no caso de que haxa nenos), o lavabo, que é a única peza de hixiene existente, composto de almofía, xerra de auga e espello, etc.



Lareira.


Habitación.